María Antonia Dans Boado naceu o 9 de Abril do 1927 en Oza dos Rios (A Coruña). Cando era moi pequena veuse a vivir a Curtis coa súa familia e dende entón a vinculación da Pintora ao noso pobo chegará ata o fín dos seus días.

Na súa xuventude traballa no estudio de Lolita Díaz na Coruña. No 1953, pouco tempo despois de casar co xornalista Celso Collazo, trasládase a Madrid a estudar no Círculo de Belas Artes. Dende entón María Antonia reparteu o seu tempo entre o estudio de Madrid e a súa casa de Curtis.

A temática dos seus cadros é sempre galega, e de Curtis é de donde toma a inspiración e as cores para a súa pintura. A pintora leva pois a cada unha das súas exposicións directa ou indirectamente a Curtis, éstas percorren toda España: Santiago, Vigo, A Coruña, Madrid, Barcelona, Valencia, Zaragoza, e un largo etcétera. Fixo tamén exposicións conxuntamente con outros pintores en Europa e América. A cor da súa pintura é intensa é está tratada con sinxeleza, son os tonos puros, nos que predominan os verdes, vermellos e amarelos sobre fondos azuis. A perspectiva está pouco desenrolada, a liña e o debuxo son simples, o que nos fai lembrar os debuxos dos nenos.

María Antonia colleitou moitos galardóns e becas entre os que suliño o Premio da UNICEF. A súa sona foi tal, que destacados poetas adicáronlle versos acesos, entre os máis coñecidos están Gabriel Celaya e Caballero Bonald.

A pintora de Curtis, morre en Madrid no ano 1988, sendo trasladados os seus restos a Curtis. Nas datas do seu pasamento, aparecéu nos medios de comunicación a solicitude da asociación de Amas de Casa de Curtis ao concello do nomeamento de María Antonia como filla adoptiva de Curtis, ainda que xa era de Curtis, e por iso correspondería o de filla perdilecta da vila. Tendo en conta que por esas datas o goberno municipal estaba en mans interesadas, todo quedou no ar, como sempre. No meu artigo da revista das festas de 1990, do que este é unha revisión, propoñía tamén adicarlle unha rua e convocar un certame de pintura, para que cos cadros da Pintora e os premiados poidésemos contar en Curtis con un museo permanente de arte contemporáneo, que co tempo pasaría a ser cita obrigada de amantes do arte, lembranza así mesmo daquela figura enxuta e bohemia.

Co gallo das festas do ano 1990, o pobo de Curtis tributa un homenaxe póstumo a María Antonia Dans co descubrimento dun busto de barro cocido sobre un pedestal de granito (a sua imaxe decora o fondo da páxina). Despois dun tempo, un ou varios animais, separan o busto do pedestal a golpes.

Actualización do artigo aparecido na revista das festas do ano 1990